19/6/11

en El Correo Gallego

19/06/2011  


link





ASESINO CÓSMICO
Cando o futuro se nos presenta antigo


Tendo como alicerce as novelas ‘pulp’ que viviron o seu auxe nas décadas dos anos setenta e oitenta, Robert Juan-Cantavella ofrécenos este episodio de ciencia ficción no que nos agasalla cun delicioso mosaico das temáticas e dos personaxes dun xénero que pasou a ser obxecto de culto

Inspirado nas novelitas pulp que viviron o seu auxe nas décadas dos anos setenta e dos anos oitenta, o Robert Juan-Cantavella ofrécenos neste episodio de ciencia ficción que leva por título Asesino cósmico un delicioso mosaico das temáticas e dos personaxes dun xénero que pasou a ser obxecto de culto.

Esta historia, que saíu do prelo da man da editorial Mondadori, ocorre no ano de 2035; con todo, os elementos contextuais remítennos máis a un pasado próximo: as pezas do crebacabezas están dispostas de modo tal que todo parece recrear un futuro antigo, unha das claves da ciencia ficción. Onde? En Illa Meteca, lugar sobre cuxo pasado penden sucesos traumáticos e violentos que irán descubríndose aos poucos: dise que hai anos a illa foi destruída polo monstro de Cárdavo, e a lenda do Asasino Cósmico agoira unha apocalipse a pequena escala: máis cedo que tarde chegará un extraterrestre a para acabar coa illa.

A poboación está dividida en dúas comunidades (os metecos e os outros, que non teñen nome pero cuxos apelidos comezan con R), e chama a atención Walt Sheridan, un estranxeiro que leva décadas asentado na illa, e cuxo lugar de proveniencia é por todos descoñecido: é o único que penetra o bosque prohibido, e manda cartas periodicamente, cada vez a un lugar distinto. Unha sucesión de asasinatos activa todo os medos e as rifas latentes da illa, as pantasmas do pasado, as lendas, os monstros: unha deriva in crescendo a través da cal o lector descobre tamén que toda a historia contouna el, Sheridan.

Cada capítulo vai precedido de data e lugar (ex.: Illa Meteca, martes 20 de febreiro de 2035), é dicir, cada capítulo era unha das misteriosas cartas que Sheridan adoitaba botar ó correo (“Esta última carta, triste e desellada, xa non hai ninguén na estafeta de correos que poida enviala”, o derradeiro capítulo é o único que non leva lugar nin data). A novela comeza en ton costumista, código realista e ritmo lento, contando a sinxela vida dunha sociedade pequena. Aos poucos, os elementos fantásticos apodéranse da historia. Curtis Garland, escritor lendario que subiu ó cume como un dos máximos representantes do xénero pulp en España, participa na novela escribindo un dos capítulos.

As novelas previas do autor, El Dorado, Proust Fiction e Otro, foron saudadas pola crítica como excelentes pezas dun autor versátil de gran des alcances literarios. A historia é redonda, non queda ningún cabo solto, o ritmo é trepidante e a trama non escatima en sucesos inesperados que manteñen enganchado ó lector de principio a fin. Unha novela homenaxe ós xéneros, que non fala deles senón que os reproduce, encárnaos. A través dos nomes dalgúns personaxes e lugares, tamén se fai referencia a algunhas novelas clásicas de terror gótico.